Perdoádeme se non o entendo

Normal 0 21 false false false ES X-NONE X-NONE

Perdoádeme se non o entendo.

Como espectador da política galega na distancia, asistín estes días con asombro á culminación do proceso de descomposición que o BNG iniciou hai menos de tres anos, coincidindo coa súa derrota política tras a falida experiencia do Goberno bipartito. Que pasou para que a casa común do nacionalismo galego xa non sirva para abeirar a todo o mundo?

É verdade que hai elementos de xuízo abondo, despois das experiencias dos últimos anos, para soster que a experiencia do BNG como vehículo de expresión política foi un fracaso. A xestión do sorpasso ao PSOE foi incapaz de aproveitar o afundimento do PSOE para consolidar un espazo político maioritario á esquerda do PP. E a actuación no Goberno bipartito estivo lonxe de establecer unha forma de facer política atractiva para novos electores.

É por iso que, a un ano das eleccións autonómicas (hai quen dá por feito que ese prazo se acurtará sensiblemente), tiña a esperanza de que o debate interno no BNG xirase en torno a estas cuestións. E que, ao mesmo tempo, todo o mundo estivese a traballar para construír un discurso alternativo capaz de bater (ou contribuír a bater) a hexemonía insultante do Partido Popular. Vana esperanza.

Lin con atención as propostas que Encontro Irmandiño/Máis Gaiza, dun lado, e Alternativa pola Unidade, por outro, defenderon fai apenas unhas semanas na asemblea nacional do BNG. E por máis que me esforzo, non logro encontrar posicións políticas, económicas ou sociais irreconciliables. Nin sequera diverxentes. Por coincidir, ata defenden enfaticamente a validez do modelo político que arrancou na asemblea de Riazor de 1982. As discrepancias existen, é certo, pero limítanse a aspectos organizativos concretos, todos eles relacionados coa necesidade de garantir o xogo limpo dentro da organización e co modelo para elixir o candidato á Presidencia da Xunta (APU quería primarias de militantes; EI/+G primarias abertas aos cidadáns). Así que debo supoñer que a decisión de EI de abandonar o Bloque non ten que ver coa política e si coa derrota das súas propostas organizativas.

Vaia por diante que a discrepancia neste terreo pode ser (e debe ser, en ocasións), causa abondo para un cisma. O problema é que, neste caso, teño dúbidas de que as propostas organizativas de EI/+G posúan entidade abondo para motivar unha ruptura, polo menos tal e como foron expostas no documento sometido a votación e que acabou rexeitado pola maioría de militantes do Bloque (outra cousa é o que poida esconderse entreliñas: a necesidade de sacudir a organización do dominio da UPG, algo que, de ser necesario, só tería sentido facer democraticamente).

 

Por iso a miña obxección á fractura impulsada por EI non ten que ver co seu dereito a facer o que lles dea a gana. Faltaría máis que non puidesen decidir o seu futuro. O que lamento é que o seu discurso non vaia ás causas. E sobre todo, que aínda non teñan aclarado como pensan cadrar o círculo e facer que o BNG sexa o BNG que eles queren pero fora do BNG.